Sunday 28 de April de 2024

Comeza a segunda formación gratuíta en Big Data para persoas desempregadas


O curso conta cun compromiso de contratación de seis meses para un mínimo do 25% do alumnado que finalice o programa

O Concello da Coruña iniciou esta mañá, luns 13 de marzo, a segunda formación gratuíta en Big Data para persoas desempregadas no marco do programa ‘Actualízate’. Trátase da segunda das formacións convocadas para este ano no Centro Municipal de Emprego dos Rosales e conta con 28 prazas. Esta segunda quenda abreuse logo da alta demanda de persoas solicitantes na primeira convocatoria, ampliando o grupo formativo co obxectivo de facilitar o acceso a persoas desempregadas a postos de traballo que dispoñan dunha estratexia de transformación dixital.

A formación é froito do convenio asinado coa UTE Innova Next, SLU e The Valley Digital School SL para o desenvolvemento da formación para o emprego e intermediación no sector da tecnoloxía e a comunicación, avanzando no obxectivo do Goberno de Inés Rey de dar formación en sectores con alta demanda de persoal cualificado.

O programa conta con 253 horas de formación gratuítas que se desenvolverán entre o 13 de marzo e o 9 de xuño, en horario de 9.00 a 18.00 horas. Ademais da formación específica sobre Big Data, o curso complétase con 12 horas de orientación laboral por persoa en formación, xunto cun compromiso de inserción laboral de seis meses para un mínimo do 25% do alumnado que finalice o programa.

O programa está impulsado por Red.es, entidade adscrita ao Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE). En concreto, desenvólvese con cargo ao Programa Operativo de Emprego, Formación e Educación (POEFE), co obxectivo de lles facilitar o acceso ao emprego ás persoas demandantes de emprego a través da adquisición e actualización de competencias profesionais.